VENDA DE PERMISOS DE PESCA E COUTOS PARA A TEMPADA 2013
DOG Núm. 167
Luns, 3 de setembro de 2012
Páx. 34911
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
RESOLUCIÓN
do 20 de agosto de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da
Natureza, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos
de pesca en coutos para a tempada 2013.
Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto
130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación
da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de
permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos de Conservación
da Natureza, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de
Conservación da Natureza para cada tempada.
De conformidade co anterior, as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2013 serán as seguintes:
– Número de sorteos.
En cada Servizo de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos:
1. Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos, con e sen morte, de salmón.
2. Sorteo de troita: incluirá os
permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen
morte non incluídos no sorteo anterior.
– Calendario.
Inicio do período de presentación de solicitudes: 6 de setembro de 2012, ás 9.00 horas.
Límite de presentación de solicitudes: 1 de outubro de 2012, ás 14.00 horas.
Data de sorteo: 13 de novembro de 2012, ás 12.00 horas.
Período de reclamacións: do 15 ao 29 de outubro de 2012.
1. Sorteo de salmón.
Inicio da escolla: 8 de xaneiro de 2013.
Inicio da segunda venda: 29 de marzo de 2013, ás 9.00 horas.
Inicio da venda libre de permisos sobrantes: 15 de abril de 2013, ás 9.00 horas.
2. Sorteo de troita.
Inicio da escolla: 12 de decembro de 2012.
Inicio da segunda venda: 11 de febreiro de 2013, ás 9.00 horas.
Inicio da venda libre de permisos sobrantes: 1 de marzo de 2013, ás 9.00 horas.
– Tipos de solicitudes.
Para cada sorteo, poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo.
Os impresos de solicitude estarán
dispoñibles nos servizos de Conservación da Natureza ou na páxina web:
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ na epígrafe ii. Servizos
públicos.
Quen participe só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos.
– Presentación das solicitudes.
Poderán presentarse solicitudes escritas
no modelo antes sinalado ou por medio dunha aplicación informática
dispoñible na páxina web:
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/
Na admisión de solicitudes aplicaranse as seguintes normas:
1. Solicitudes por escrito.
Presentaranse nos rexistros das
xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas ou mediante calquera dos procedementos descritos no
artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Tanto nas solicitudes individuais coma nas solicitudes en grupo deberá figurar a sinatura de cada solicitante.
Ás solicitudes presentadas dentro do
prazo establecido, pero que sexan recibidas polo servizo logo do sorteo,
asignaráselles un número de elección ao final da listaxe.
2. Solicitudes telemáticas.
Para formular a solicitude será
necesario introducir o número de DNI e mais o da licenza de pesca
fluvial, a vixente ou calquera outra de anos anteriores. Para
solicitudes en grupo será preciso introducir tanto os números de DNI
coma os das licenzas da totalidade de participantes.
O enderezo para notificacións
relacionadas co sorteo será o que figura na licenza do solicitante
principal, non obstante, poderase modificar este enderezo na propia
páxina web durante o rexistro da solicitude.
3. Duplicidade de solicitudes nun mesmo sorteo.
O acceso ás solicitudes telemáticas quedará bloqueado logo de que o solicitante xa conste nunha primeira solicitude.
No caso de que un mesmo DNI conste nunha
solicitude telemática e mais nunha solicitude escrita, anularase a
solicitude telemática.
No caso de que un mesmo DNI conste en
varias solicitudes escritas, anularanse as máis antigas, prevalecendo
sempre a última data de rexistro de entrada.
No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles DNI repetidos.
Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.
Calquera manipulación que se detecte nas
solicitudes con ánimo de variar o resultado do sorteo ou de participar
con máis posibilidades que os outros solicitantes suporá a anulación de
todas as solicitudes presentadas en todos os sorteos.
4. Consulta da admisión de solicitudes e reclamacións.
As solicitudes admitidas, logo da súa
introdución na aplicación informática, poderán ser consultadas na páxina
web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Para acceder á consulta
unicamente será preciso introducir o número de DNI.
As reclamacións poderanse facer
directamente a través da páxina web da consellería, no correspondente
punto de reclamacións no propio portal
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, ou ben por escrito. No caso de
presentación telemática, será preciso identificarse introducindo o
número de DNI.
– Realización dos sorteos.
En cada sorteo, as solicitudes
numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de
entrada na aplicación informática.
Os sorteos serán públicos. Cada sorteo
realizarase con tres ou catro bombos, segundo sexa preciso polo número
de solicitudes presentadas, correspondendo cada un deles ás unidades,
decenas, centenas e unidades de millar. En cada bombo introduciranse dez
números, do 0 ao 9, excepto no que corresponda ás unidades de millar,
en que unicamente se introducirán os números necesarios para cubrir os
miles de solicitudes presentadas. Sacarase un número completo formado
por tres ou catro bólas, segundo proceda. No caso de que o número
constituído polas bólas exceda o que corresponda á última solicitude
presentada, procederase a sortear de novo, devolvendo as bólas aos
correspondentes bombos e repetindo a operación.
A solicitude que se corresponda co
número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por
orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.
Os sorteos terán lugar nos servizos de Conservación da Natureza.
– Resultados dos sorteos.
Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web:
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/
Para acceder á consulta será preciso introducir o número de DNI.
Así mesmo, a cada solicitante
notificaráselle o día e mais o rango horario en que poderá escoller os
permisos. No caso de solicitudes en grupo, só recibirá a notificación
quen figure en primeiro lugar.
– Elección de permisos.
Para a elección de permisos de troita e
reo, os servizos establecerán grupos de permisos de pesca, non así para
os de salmón, que haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos
grupos será exposta no taboleiro de anuncios de cada servizo e na páxina
web https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Xunto coas notificacións
dos resultados dos sorteos remitirase unha copia desta listaxe.
Á hora da escolla, cada solicitante só
poderá seleccionar dous permisos de cada grupo, dos cales só un poderá
corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón só
se poderá escoller un permiso.
Na páxina web
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ poderá consultarse en tempo real o
número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de
pesca.
A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:
1. Persoalmente no servizo provincial que corresponda, na data e dentro do rango horario que se sinale na notificación.
2. Mediante chamada telefónica ao número
que se indique na notificación, na cal tamén se sinalarán a data e o
rango horario en que deberá realizarse esta chamada.
3. Directamente na páxina web:
https://www.xunta.es:444/pescafluvial/
Para acceder a este servizo deberase
introducir o número de DNI e unha clave subministrada para tal efecto
xunto coa notificación do resultado dos sorteos. O usuario poderá
realizar comprobacións e reservas previas antes da súa quenda, e mesmo
gravar os datos da reserva, pero só se poderá confirmar unha reserva
previa dentro da data e rango horario asignados ao solicitante,
existindo a posibilidade de cambiar os permisos que xa non estean
dispoñibles. Rematado o rango horario sen terse producido a escolla, o
usuario non terá dispoñible o servizo durante os horarios de reservas
telefónicas, é dicir, en xornadas laborables entre as 9.00 e as 14.00
horas. Fóra deste horario, calquera usuario que non escollese na súa
quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento
ata o remate do período de escolla da primeira venda, que se indicará na
notificación do sorteo.
Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada polo solicitante.
– Segunda venda de permisos.
Unha vez rematada a escolla, os permisos
sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos
nun segundo proceso de escolla. Este procedemento será unicamente a
través da páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, cos mesmos
requisitos de acceso que anteriormente. O servizo de reserva pola
internet estará dispoñible ininterrompidamente para todos os
participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio.
Xunto coa notificación dos resultados do
sorteo facilitarase a data previa en que se exporá na páxina web
indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla e
que deberá ser, cando menos, tres días antes do comezo da escolla.
As normas, en canto aos grupos de coutos e ao número de permisos por grupo, serán as mesmas que na primeira escolla.
– Venda libre.
Os permisos non escollidos e aqueles non
retirados nos prazos fixados serán postos á venda a través da internet e
nos centros de venda regulados no artigo 35 do Decreto 130/1997, do 14
de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial
e dos ecosistemas acuáticos continentais. Para a venda a través da
internet reservarase como mínimo o 50 % dos permisos sobrantes en cada
couto para cada xornada de pesca.
Na venda libre só se poderá adquirir un permiso diario.
– Expedición de permisos.
No prazo de 10 días naturais, contados
desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados
nunha entidade bancaria e recollidos no servizo.
Nos casos de reserva a través da páxina
web, poderase efectuar o pagamento telematicamente mediante tarxeta de
crédito na mesma páxina web.
En cada servizo facilitaranse os
impresos de liquidación de prezos públicos/privados, necesarios para o
pagamento do importe dos permisos nas oficinas bancarias autorizadas;
así mesmo, estes impresos serán remitidos xunto coas notificacións dos
resultados dos sorteos, e tamén se poderán conseguir na páxina web:
http://www.conselleriadefacenda.es, escollendo sucesivamente en
Tributos; Documentos; Formularios de taxas e prezos; Borradores de
modelos de ingresos; Modelo L prezos públicos/privados da Comunidade
Autónoma de Galicia. Liquidación.
Segundo o establecido no artigo 7.3 do
Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de
ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os
permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible; cada titular
de permisos debe realizar o pagamento individualmente, mesmo nos casos
de solicitudes en grupo.
Nos casos en que non se retiren os
permisos persoalmente, o pagamento deberá acreditarse, no mesmo prazo de
10 días naturais establecido no parágrafo primeiro deste punto,
remitíndolle por fax ao servizo a copia para a Administración do impreso
de liquidación debidamente formalizado. Tamén será posible facelo
mediante correo electrónico, escaneando a copia citada do impreso de
liquidación e remitíndoa ao correo electrónico que se indicará na carta
de notificación do resultado do sorteo. Nestes casos, os permisos serán
remitidos por correo ao enderezo que conste na solicitude.
– Outras normas.
A normativa de funcionamento dos coutos
será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de
pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade
Autónoma de Galicia durante a tempada de 2013. Os permisos serán
outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa
poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se
prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.
Logo da expedición dun permiso, non se
poderá anular nin transferir a outra persoa, nin obter o reintegro do
seu importe, agás no caso previsto no parágrafo anterior. En todo caso,
cando proceda o reintegro do importe, será preciso presentar unha
solicitude escrita á cal se xunte unha copia do impreso de pagamento en
que figuren os datos do titular do permiso.
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario